"Tonas de laranxa", a novela gañadora do Premio Xerais 2012, é, segundo os membros do xurado, un «acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora». Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo. A través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amaro e da curiosa peixeira Sofía Costa, e de tantos outros personaxes, os autores constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira. "Tonas de laranxa" bota man dunha linguaxe enormemente rica e fluída, evocadora. O resultado é unha novela de engaiolante beleza e musicalidade. O tratamento do tempo e a importancia dos reloxos dota a novela, paradoxalmente, dunha estraña e doce sensación de atemporalidade, empuxando á pracidez, á beleza e ao preciosismo.
Dieser Download kann aus rechtlichen Gründen nur mit Rechnungsadresse in A, B, BG, CY, CZ, D, DK, EW, E, FIN, F, GR, H, IRL, I, LT, L, M, NL, PL, P, R, S, SLO, SK ausgeliefert werden.